A duodécima edición do Salón da Xuventude, Ocio Nadal, chega o vindeiro venres, día 23 ao recinto feiral de Punta Arnela con moitas doses de diversión para o máis novos, que poderán disfrutar ata o vindeiro día 15 de Xaneiro. Sete mil cincocentos metros cadrados de entretemento para un público de todas as idades, posto que en moitas das actividades os adultos poden acompañar aos nenos e compartir con eles as catro horas diarias de entretemento que lles ofrece este certame, coorganizado por FIMO e Producción e Montaxes Diversos, E.T.
O salón incorpora nesta edición algunhas novidades en canto a actividades previstas, entre elas unha pista americana, rocódromo, tirolina e a atracción denominada “tirachinas”. A isto súmanse as xa habituais atraccións de feira (pista de coches de choque infantil e adultos, saltón, dragón, camas elásticas, etc.) o circuito de karts a pedais, os inchables, o mini golf e os servicios de cafetería, hamburguesería e docería, pensados para dar un completo servizo a nenos e maiores de xeito que non precisen sair dos pavillóns onde se celebra o salón e aproveiten ao máximo a súa entrada.
A sala de cine máis pequena do mundo
Grazas á colaboración de Gadisa, instalarase en Ocio Nadal a Caixiña dos Mistos. A sala de cine máis pequena do mundo con contidos audiovisuais internacionais dirixidos a público infantil e adolescente. Unha experiencia que vais más aló de ver unha película, posto que antes de entrar á proxección realízanse actividades complementarias. A Caixiña dos Mistos estará no XII Salón da Xuventude os días 23, 27, 28, 29 e 30 de Decembro.
A Caixiña leva recorrido en 2011 máis de 50 localidades de Galicia, estivo tamén en Ávila e ven de chegar da 46 edición da Feira do Disco e o libro de Durango, logo de participar tamén en Cultugal 2011, con gran éxito de público.
No que vai de ano pasaron xa por esta sala de proxección itinerante 13.329 espectadores, que disfrutaron das ata 25 películas de 12 nacionalidades diferentes.
Con somentes aboar 5€, os visitantes poderán facer uso ilimitado de cantas actividades se inclúen en Ocio Nadal. Os adultos que acompañen a menores somentes terán que aboar 2€. O salón abrirá todos os días, en horario de tarde, de 16:30 a 20:30 horas.
Como cada ano, GADISA súmase a esta iniciativa distribuíndo entradas entre os clientes dos seus establecementos en Ferrolterra.
GABINETE DE COMUNICACIÓN DE FIMO
FERROL, 21 DE DECEMBRO DE 2011